Friday 03 de May de 2024

Comeza na Pobra a quinta edición de Camiños de Coñecemento e Experiencia


Un total de 44 veciños e veciñas participan dende o día 9 de maio na quinta edición de Camiños de Coñecemento e Experiencia, o programa de democratización do coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que difunde entre a veciñanza maior de 50 anos da localidade coñecementos científicos, humanísticos e artísticos, e que na Pobra se desenvolve en colaboración coa Concellaría da Cultura, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE).

O acto de apertura tivo lugar no Auditorio do Museo Valle-Inclán e contou coa presenza da directora do IV Ciclo na USC, Esther Olveira, para dárlle-la benvida ás persoas asistentes.

A oferta formativa abrangue as temáticas da fisioloxía, socioeconomía e cromática. Cada unha delas consta dunha sesión teórica e outra práctica a cargo de persoal docente vencellado a este proxecto que transcorre ao longo de todo o mes de maio.

O dito ciclo comezou onte co seminario O sono e os seus trastornos da man de Mónica Antelo Martelo, quen regresa hoxe, día 10, para ensinar técnicas para concilia-lo sono.

Xa no día 16 será a quenda de José Manuel Vázquez Lijó co seminario Tradición e modernidade nos escenarios galegos (1880-1950). Vellos e novos oficios e negocios. Volverá no día 24 cunha visita ao Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.

E Nerea Varela Castro será a encargada de ofrece-lo seminario Simboloxía das cores, no 18 de maio, para proseguir coa parte práctica mediante unha excursión polos arredores no día 19.